Aspronaga constitue o primeiro Comité de Ética Asistencial para persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia.
17 DE NOVEMBRO DE 2017. Esta mañá, a Asociación Prol Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia ( Aspronaga) constituíu, oficialmente, o primeiro “Comité de Ética Asistencial para persoas con Discapacidade Intelectual” de Galicia.
Por aclamo popular, devandito comité estará presidido polo director do Centro Ricardo Baró, Antonio Naya. Outro dos puntos importantes da sesión foi a confirmación de que a Universidade da Coruña continuará implicada no Comité con carácter permanente, tal e como se manifesta no nomeamento de Bibiana García como secretaria. A maiores, e tras a entrega de diplomas que certifica o período de formación, creáronse dúas comisións co fin de redactar o regulamento que rexa o Comité e de analizar e avaliar os documentos que xa existen en Aspronaga sobre políticas de ética.
O proxecto
O pasado outubro, ASPRONAGA e a UDC, a través do Grupo de investigación “Filosofía, Constitución e Racionalidade”, iniciaron o proxecto de creación e posta en marcha dun “Espazo de reflexión Ética”, coa finalidade de mellorar a calidade da intervención e os procesos de toma de decisións e contribuír a implantar unha cultura bioética na Asociación. Para iso, distintos profesionais, familiares, voluntarios, persoas con discapacidade intelectual, profesores e investigadores da UDC realizaron oito sesións formativas.
Así, a partir do pasado venres, dáse comezo o funcionamento pleno do Comité de Ética Asistencial, primeiro de Galicia. A finalidade deste órgano será asesorar e dar resposta ás inquietudes e consultas que presenten profesionais, familiares, usuarios ou calquera outro axente social en relación coa intervención e o coidado das persoas con discapacidade intelectual.