ASPRONAGA obtén o selo “ONG Acreditada” pola Fundación Lealtad
A Fundación Lealtad, institución independente e sen ánimo de lucro, outorgou a ASPRONAGA o selo "ONG Acreditada". Trátase dun distintivo único en España que axuda aos doantes para recoñecer de forma clara e sinxela a aquelas ONG que cumpren as súas actuais esixencias de transparencia e eficacia na xestión. Grazas ao selo, os doantes saberán que ASPRONAGA centra os seus esforzos nas áreas nas que ten experiencia, que a súa comunicación é fiable e non induce a erro ou que poden coñecer a porcentaxe de gastos que destina á súa misión, entre outros indicadores.
A concesión da acreditación é resultado da análise realizada pola Fundación Lealtad, que concluíu que ASPRONAGA cumpre integramente os 9 Principios de Transparencia e Boas Prácticas. "A Fundación contrastou, entre outros puntos, o bo funcionamento do órgano de goberno da ONG para o cumprimento das súas responsabilidades e o uso eficaz dos seus recursos, se a entidade é sustentable e se a súa comunicación é fiable, así como a coherencia das súas actividades coa súa misión de interese xeral", indicou Patricia de Roda, directora xeral da Fundación Lealtad.