Zientzia Azoka premia ao alumnado de Aspronaga polo seu proxecto de impresión 3D
11.05.2019 “Inesperado e moi emocionante!!!. Na nosa viaxe a Bilbao, o proxecto do colexio de Aspronaga tivo un novo premio!. Se gañar a Open Science de Cambre foi algo especial, esta fin de semana viviuse unha experiencia moi emocionante. Sobran as palabras”. Así manifestaban a súa alegría os dez estudantes e 4 docentes do Centro de Educación Especial Nosa Señora de Lourdes- Aspronaga que participaron, o pasado sábado 11 de maio, na feira Zientzia Azoka, ao recibir o premio ao seu proxecto de impresión 3D.
A presenza do colexio de educación especial coruñés en Bilbao é grazas ao premio conseguido polo centro na Open Science Cambre, celebrada o pasado setembro. Por aquel entón, o xurado destacou “A creatividade, a capacidade comunicativa e a paixón dos participantes da caseta” ao outorgar o premio ao “Mellor experimento”, na categoría de “Científicos Novos” de Educación Secundaria, aos alumnos con discapacidade intelectual do CEE Nosa Señora de Lourdes - Aspronaga. Nesta ocasión, o proxecto científico foi premiado cunha estancia de 2 días no IK4, un referente europeo en desenvolvemento tecnolóxico, sito en Guipúscoa.
MakerLourdes