Mozos con discapacidade intelectual fórmanse como Auxiliares de Conserxe
17 DE OUTUBRO DE 2019. Esta mañá, quince novos con discapacidade intelectual iniciaron o curso de “Auxiliar de Conserxe” que se impartirá no Centro de Educación Especial Nosa Señora de Lourdes ata o próximo 20 de decembro.
Un total de 180 horas de formación nas que o alumnado adquirirá as competencias necesarias para incorporase ao mundo laboral, á vez que adquire compromisos como a “responsabilidade”, a “puntualidade” e o “traballo”, sen deixar de lado a “diversión”. Así llo fixeron saber o director do CEE Nosa Señora de Lourdes, Rubén Mateos; o docente do curso e experto en economía, Roberto Castro e a consultora de Insere, Beatriz Losada, na inauguración que tivo lugar esta mañá no colexio de Aspronaga. Á súa vez, os mozos manifestaron estar “moi ilusionados” con esta oportunidade. O curso de “Auxiliar de Conserxe”, que conta coa colaboración de Insere e a Fundación ONCE e está financiado polo Fondo Social Europeo, ten como obxectivo favorecer a inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual a través da formación. Con este fin, o CEE Nosa Señora de Lourdes ten como obxectivo establecer lazos con empresas para que o alumnado poida realizar as súas prácticas laborais, tras o período de formación.