Alumnos do CEE Ntro. Sra. de Lourdes empezan as súas prácticas en Hipermercados Alcampo (06/10/2015)
Xa uniformados co seu chaleco vermello; Martín, Iria, Tamara, Miguel, Adrián, Bea e Tamara coñeceron, onte, o seu novo lugar de "traballo". A partir de hoxe e ata maio, estes sete alumnos do Centro de Educación Especial Nosa Señora de Lourdes realizarán prácticas laborais no Hipermercado Alcampo.
Jose Portabales, responsable de Recursos Humanos, foi o encargado de ensinarlles o hipermercado coruñés e explicarlles que terán que realizar tarefas de reposición de produtos e de caixa. Nas oficinas, Portabales entregoulles a cada un a identificación que acredita que xa forman parte do equipo. É o terceiro ano consecutivo que Hipermercado Alcampo e Aspronaga asinan un convenio de prácticas. Unha colaboración que fai posible que os alumnos con discapacidade intelectual en formación, poidan aprender as tarefas na empresa ordinaria co obxectivo de formarse cara á súa inclusión social e laboral. Iniciativa que, ademais de proporcionar experiencia laboral, axuda a que as empresas descubran a multitude de aptitudes coas que estes mozos contan para o traballo.