ASPRONAGA presenta a nova residencia para persoas con grandes necesidades de apoio financiada pola Fundación Amancio Ortega
Aspronaga presentou, o pasado xoves 23 de marzo, nas súas instalacións de Oleiros a súa nova residencia para persoas con discapacidade intelectual con grandes necesidades de apoio, cuxa construción e equipamento foron realizados pola Fundación Amancio Ortega. Na presentación participaron o equipo técnico e os usuarios de ASPRONAGA, xunto ao presidente da xunta reitora da institución, Álvaro Martínez García, e o director xeral da Fundación Amancio Ortega, Óscar Ortega Chávez.
Cunha superficie de 620 metros cadrados e un investimento superior a un millón e medio de euros por parte da Fundación Amancio Ortega, esta residencia para persoas con grandes necesidades de apoio está situada no municipio de Oleiros, no que xa se atopan a maioría dos servizos de ASPRONAGA. A nova área asistencial conta con 15 habitacións dotadas de baño, salón, comedor, cociña con área de almacenamento, lavandería e dúas salas de coidados e curas, entre outras dependencias, todas elas deseñadas e equipadas de acordo ás necesidades de mobilidade e atención que requiren os usuarios aos que está dirixida.
A Fundación Amancio Ortega apoia a ASPRONAGA no marco dos seus programas de colaboración con entidades do terceiro sector.
FOTO: Rafa Nuka NWN?Photo
Aínda que non está previsto que os residentes ocupen as instalacións ata finais de primavera, xa se empezaron a realizar actividades na nova residencia, como unha reunión da Xunta Reitora de Aspronaga a pasada semana e a xornada de portas abertas para familiar programada para o mércores 12 de abril.
DOSSIER DE PRENSA PRESENTACIÓN NOVA RESIDENCIA