Noticias
© Aspronaga | 18/02/2026 |
Aspronaga obtén á Acreditación Calidade Plena
18/02/2026
ASPRONAGA obtén a Acreditación de Calidade Plena, no nivel CALIDADE, concedida pola Confederación Plena inclusión España con data 12 de febreiro de 2025 e con vixencia ata o 12 de febreiro de 2028. Esta acreditación supón un recoñecemento externo, rigoroso e obxectivo ao traballo como organización. Non se trata unicamente de cumprir uns estándares formais, senón de demostrar que o noso modelo de xestión está aliñado cos principios de mellora continua, orientación á persoa, participación, ética e transparencia que promove o movemento asociativo Plena inclusión. Alcanzar este nivel implica que os nosos procesos están sistematizados, avaliados e orientados a resultados, e que existe unha cultura organizativa comprometida coa calidade real na prestación de apoios. "É, por tanto", afirma Juan Fontela, xerente de Aspronaga, "un aval institucional de enorme valor, tanto #ante as persoas e familias ás que acompañamos como #ante as administracións e a sociedade. Quero trasladar o meu agradecemento sincero a todo o persoal de ASPRONAGA. Este logro non é o resultado dun traballo puntual, senón do compromiso cotián de cada profesional, en cada servizo, en cada centro e en cada equipo. A acreditación non é un punto de chegada, senón unha responsabilidade engadida: manter as condicións e requisitos esixidos e seguir avanzando en innovación, avaliación e mellora permanente. Grazas polo voso compromiso e por facer posible que ASPRONAGA siga crecendo con solidez, profesionalidade e coherencia coa nosa misión", asegura Fontela.
Arquivada en:
Coñécenos > Control Externo










