Alumnos de Aspronaga visitan o CIFP Someso (25/05/2016)

Foi unha mañá chea de aprendizaxes, complicidade, compañeirismo, ilusión e beleza. Un grupo de alumnos do CEE Ntra. Señora de Lourdes (Aspronaga) visitou, onte, as instalacións do CIFP Someso. En concreto, os talleres de Barbería e de Estética da Familia Profesional de Imaxe Persoal.

Deste xeito, os estudantes con discapacidade intelectual e os mozos aprendices viviron unha mañá diferente na que ambos os grupos traballaron xuntos. Así, sen dubidalo, pronto se animaron, apoiados polos profesores e alumnos de Someso, a peitear, lavar, secar e ata cortar o pelo. Despois dun pequeno descanso, tocoulle a quenda ao taller de Estética no que, mentres a elas maquilláronas e pintaron as uñas, a eles ensináronlles a facer unha completa masaxe de mans, do que puideron gozar as súas compañeiras. 

Ao fin da mañá, alumnos e docentes valoraron moi positivamente esta experiencia, que combina a aprendizaxe profesional coa inclusión social. Por este motivo, os alumnos do centro de educación especial de Aspronaga repetirán a visita o próximo 2 de xuño. Neste caso, compartirán a xornada coa familia de Fabricación Mecánica. 

GALERÍA DE FOTOS

i n r f p s v t 0 1 2